sábado, 9 de febrero de 2013

Ismael.

Ismael co seu acordeón disfrutando do Entroido. Foto: Ateneo Santa Cecilia.


ANTÓN ROEL.-  Febreiro, no mes da Candelaria cando casan os paxariños no florecer dos magnolios e o amarelar das mimosas e xa arrecende a entroido nas rúas, de supeto apagouse outra estrela, o entrañabel Ismael Lorenzo González, o popular showman de Marín coñecido como Ismael Artista da bohemia, dos que levan no bico un cantar e a patria no corazón como xilgaros sementadores de soños, compañeiro de John Balan e enesquecibel home orquestra da nosa infancia nos tempos de "Barriga Verde". Ismael foi morrer na Coruña co aloumiño da ría do Orzán, moi lonxe do mar de Marín onde pasou toda a sua vida. Como todos os persoeiros que fan da súa vida un viaxe a ningunha parte acabou nun asilo coa mala sorte que na sua cidade, xa nos tempos en que todo nos sacan, tamen sacáronnos o asilo donde coincidiria cos seus compañeiros de farandula da canteira de artistas de Marín, Xosé o Pataca e John Balan que poido morrer eiqui rodeado de amigos.

       No Fardel da memoria, de supeto, ao ollar unha vella foto de unha páxina de internet nos fai revivir imaxes que tiñamos xa esquecidas de persoeios populares que nun tempo moi dificil axudáronnos a levar millor a nosa infancia, cando xa case nengun está vivo e que xa forman parte de nós e da historia da nosa cidade e con certa tristura no caso de Ismael que tivo que ir morrer lonxe dos seus. Artista singular da bohemia pasou toda a sua vida alegrandonos coa sua guitarra, acordeón, armónica ou a súa voz en verbenas e festas populares ou, sempre que o chamaran, solidario en galas benéficas actuando só ou facendo dúo co seu amigo John Balan, sempre cun sorriso nos beizos.

       Soubemos del nunha homenaxe que o Concello de Pontevedra lle adicou a John Balan, o seu compañeiro de profesión e amigo, en un tempo residentes no asilo da cidade, alí estaba no Principal arroupando ao compañeiro e lembrando actuaciones xuntos como dúo no trole a Marín en festas e troulas etc..., pecha os ollos e como unha película da vida el lembra unha verbena nun palco con luces de cores co arrecendo  a rosquillas enfiadas nun pau de sanguiño o estoupar dos foguetes e o público a aplaudir a rabear a súa actuación..., él é a estrela e que pare o mundo se quere. Ata sempre Ismael, con el foise unha epoca irrepetibel que alegrou a infancia de toda unha xeración de marinenses e pontevedreses, magoa que se extingan os ilusionistas de soños.

1 comentario: